Amosando publicacións coa etiqueta Redes sociais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Redes sociais. Amosar todas as publicacións

martes, 26 de outubro de 2021

A PUCHA DE DON RAMÓN

 

Ramón Cabanillas, o Poeta da Raza, adáptase aos tempos que corren e ten dúas contas de Instagram de seu @ramon_cabanillas_76 e @ramonc1876 onde colga as súas publicacións literarias, entrevistas, reflexións, etc📖📘📙📗📺📻💭 e atende amablemente os seus seguidores e seguidoras, que son moitos, respondéndolles as preguntas sobre a súa vida, obra, o seu traballo nas Irmandades na Fala, os seus vínculos co Agrarismo... Mesmo os seus seareiros creáronlle unha conta @seareiros.de.cabanillas, que amosan tamén os seus traballos e aportan novidades sobre o poeta cambadés. Mesmo chía en Twitter🐥 en @cabanillasrmn! E séguenos en @leirantes!
Tradición e modernidade a un tempo. Parabéns ao alumnado de 4ºA e 4ºC polo seu traballo👏

sábado, 12 de xuño de 2021

DE FESTA #ENREDANDOCOGALEGO!

O pasado xoves 10 de xuño os 34 alumnos e alumnas participantes no
proxecto #enredandocogalego, organizado pola AELG e a Concellería de Cultura e Turismo de Lugo, asistiron á festa de despedida no Auditorio Gustavo Freire, onde xunto co alumnado do IES Muralla Romana recibiron palabras de agradecemento dos organizadores do proxecto e do tenente de alcalde, Rubén Arroxo. Todas e todos recibiron un estupendo agasallo 🎧 pola súa participación e ademais diso sorteáronse uns lotes de libros📚 e mais unha tablet💻 para cada centro. Tamén foron recoñecidos pola AELG os magníficos exercicios de creación literaria📜💡 que foron enviando algúns alumnos e alumnas que tamén recibiron agasallos especiais. Os premios levados nestes días atrás dan fe da canteira de escritoras e escritores en lingua galega 👅💙💭💙que temos no Leiras Pulpeiro. Así mesmo conmovéronnos especialmente as reivindicativas e sentidas palabras💓 que dedicou o noso alumno de 1º de Bac, Iván Dono Doñé á nosa lingua, que recibiron unha fonda ovación de todos os asistentes.

Como sorpresa especial puidemos gozar da actuación de Verto🔝🔝🔝 e corear o seus famosos rebolando por ti, rebolando por ti🎶🎸 e "Oye gayego"🙌

Pola nosa parte, querémosvos dar as máis sinceras grazas por participardes neste proxecto ao longo de 21 días nos que narrastes a través das redes sociais as vosas experiencias de falar o galego durante tres semanas en ámbitos nos que non adoitabades facelo. Este tipo de traballos teñen un valor sociolingüístico moi importante. Contamos convosco para vindeiras edicións!!😃😃







martes, 4 de maio de 2021

O NOSO ALUMNADO ENREDA CO GALEGO!

Falo en galego co chofer do autobús.🚌
Queda só esta semana🙈 para que remate o reto de 42 das nosas alumnas e alumnos de amosar nas súas redes sociais durante 21 días como é o seu día a día falando en galego en ámbitos nos que non adoitaban facelo😮😮. Damos fe de que están a facer un moi bo traballo. Todos eles crearon contas a propósito para participaren no proxecto #enredandocogalego e practicamente cada día colgan un vídeo ou unha imaxe con reflexións moi interesantes sobre as súas experiencias, desde relatar o que supón dirixirse por vez primeira ao condutor do autobús🚍 en galego co que falabas decote en castelán, ou contar a grata impresión😀 que produce que un camareiro ao que lle pedides en galego unha bebida vos responda en galego cando vos atendeu ao principio en castelán, ou ao revés 😕🍹; encherse de ledicia cando decides falarlle ao médico en galego e... non pasa nada, porque che responde en galego igual cás enfermeiras😄

Estas anécdotas, en apariencia banais, son reflexións sociolingüísticas moi interesantes e un paso importante para desbotar prexuízos sobre o uso do galego. O noso idioma, xa o demostramos co Dicionario para Boomers, adáptase a todos os ámbitos, contextos, idades... Tampouco non faltan recensións literarias, comentarios sobre cociña, deporte, música, a propia lingua, etc. 

A plataforma máis utilizada é Instagram, seguida de Tiktok (Jarno, en Jarnoengalego estanos a narrar durante unha viaxe para participar nun torneo, como é falar galego por primeira vez cos seus compañeiros)🙌🏆), Facebook ou ben, a través do correo electrónico.

Sinceros parabéns, a todas e todos, polo valioso traballo que estades a facer e que está a piques de rematar! Xa nos tarda que nos contedes ás conclusións ás que chegastes ao final do proxecto!👏👏👏👏💕

Interesante comentario de Cris e Suso sobre algúns camareiros....

Iván fálanos da impresión que lle causou a lectura de Follas novas📗

A conta de Cristina de 1º de Bac, para o proxecto!😍

Judit, Nerea e Patricia, na súa conta conxunta👍👍👍

Eva explícanos como se coce o pan.😋



venres, 16 de abril de 2021

COCIÑANDO EN GALEGO. CONCURSO DE RECEITAS.

Por se non tedes plan esta fin de semana, temos unha proposta para vós do máis apetitosa😋😋: participardes nun concurso de receitas organizado polo Media Laranxa🍊, o blog culinario que leva a nosa compañeira Noemí García e que ten unha chea de seareiros e seareiras por toda Galiza e fóra dela. 

É ben doado: enviade a vosa receita en galego xunto cunha foto ben bonita da mesma ao enderezo medialaranxareceitas@gmail.com antes do 22 de abril.

A receita gañadora será publicada nas redes sociais. 

Se queredes máis información ou ver as deliciosas receitas que nos propón Media laranxa ollade a imaxe da esquerda ou ben entrade no blog https://medialaranxa.fala.gal/  ou a través de Instagram. 

Lingua galega e comida, que marabillloso cóctel! 🍹


mércores, 14 de abril de 2021

DÁ COMEZO O PROXECTO #ENREDANDOCOGALEGO!

Os organizadores e organizadoras do proxecto xunto coas profesoras 
do alumnado participante.
 Este proxecto, organizado pola AELG e as Consellerías de Educación e Cultura, vai contar con 42 alumnas e alumnos do noso centro que van pasar a partir do vindeiro luns, 19 de abril,  21 días explicando diariamente nas redes sociais co cancelo #enredandocogalego, as súas experiencias de como é falar galego durante tres semanas en diferentes ámbitos da súa vida cotiá (familia, aula, instituto, amizades, barrio, actividades de lecer...)👪👫🎒🎼🏃🏀🚴 
Hai total liberdade creativa, poden realizar vídeos, poemas, danza, cancións, debuxos, reflexións, microrrelatos🎶🎥🎦🎧🎭🎨💃...  todo en lingua galega. Unha experiencia incrible... 
Agardamos ansiosas a que pasen esas tres semanas e saber como lles foi e aos/ás participantes agárdalles unha festa final con agasallos polo seu traballo.🎉🎉

Quen anda tras deste proxecto? Pois ben, o escritor e investigador da mitoloxía popular galega Antonio Reigosa, as poetas e artistas María Lado e Lucía Aldao, o actor Anxo Lamelo e o narrador oral Lois Pérez . Nin máis nin menos!🔝🔝🔝  
Todos eles fixeron unha presentación xenial do proxecto con actuacións incluídas👌 Pillounos de sorpresa e botamos unhas risadas.  Así calquera se anima a falar galego e a participar no proxecto1
 
Oxalá queden eles contentos co noso alumnado, algo nos di que así vai ser e que van facer un traballo estupendo👍👍       
          
Anxo en pleno éxtase

Lois co seu móbil última xeración

    
O xenial dúo María e Lucía.

Na vida vimos unha presentación así!


domingo, 11 de abril de 2021

Presentación do "DICIONARIO DE GALEGO PARA BOOMERS" na CASA DA XUVENTUDE

A alcaldesa de Lugo e outras autoridades deixaron por un día de ser boomers e aprenderon que eran as siglas RAG (Rir Ás Gargalladas)😂 ou que significaban palabras coma random, shipear, pana... 
O pasado venres 9 de abril, un grupiño de cinco alumnas e alumnos de 1º de ESO, que forman parte do equipo creador do Dicionario de galego para boomers, encargáronse de explicar ao público asistente nos actos do X ANIVERSARIO da Casa da Xuventude de Lugo, por que decidiron crear xunto coa profesora Noemí este dicionario virtual que está acadando unha grande difusión e acollida nas redes sociais e nos medios de comunicación.

Os nosos presentadores fixérono estupendamente e ao rematar a exposición proxectaron o vídeo feito por dous rapaces e unha rapaza de 4º de ESO dun poema de Rosalía de Castro, recreado en versión zoomer polo alumnado de 1ºBAC A, que xa vos presentaramos no Día de Rosalía.

A tormenta tan forte que houbo🌂⛆⛈ non impediu que o pasásemos en grande. Para relaxar os lóxicos nervios antes da presentación,  rebolamos nun baile coreografado pola escola de danza Gravity que anda xa rulando por tiktok!💃🙌🙆🙅

Aproveitamos de paso para vos amosar a reportaxe sobre o Dicionario, feito polo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.


Mozos e mozas, parabéns, estivestes sensacionais!👏👏




Nun momento do vídeo do poema de Rosalía.


Rebolando






Intercambiando impresións coa Alcaldesa de Lugo







venres, 26 de marzo de 2021

MÁIS GRANDES MICROHISTORIAS

 

Uniuse á iniciativa #MicrorrelatosPorWhatsapp parte do alumnado de 3º de ESO. 

Imaxinades un grupo de clase de Whatsapp que se convirta nunha pequena biblioteca virtual de microrrelatos📲📖 📚e que os seus membros podan gozar en exclusiva das microhistorias dos seus compañeiros e compañeiras? Que sorte...

Para que os podamos gozar todos no insti tamén os colocamos no taboeiro axeitado para a ocasión, así podédesvos chufar por aí que estivesetes lendo 40 contos en media hora.😁😜


Resulta incrible ver como tan poucas palabras poden tocar temas e crear sensacións tan variadas Que pensades se vos contan algo así: Escoitei un ruído, mirei debaixo da cama. Ás veces os monstros escóndense ben. 😨 ou que A vida é un gran lavalouza, dá moitas voltas e nunha desas encontrámonos.😂, ou que Amin xogaba ao fútbol descalzo e era feliz.😍

Gostades, non si? Se queredes ler máis, ide ao noso taboeiro.

Sorpresa😀: o noso amigo Andy promete un novo vídeo sobre os microrrelatos que as alumnas e alumnos de 4º lle estiveron enviando por Instagram e el mesmo fixo un.... Proximamente.




martes, 16 de marzo de 2021

#EnRedandocogalego, 21 DÍAS CONVIVINDO COA NOSA LINGUA

Con esta actividade organizada polas Consellerías de Cultura e de Educación, xunto coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, un grupo de alumnas e alumnos do noso centro vai comezar un interesantísimo reto lingüístico, creativo e lúdico que durará tres semanas.

En que consiste? Contámosvos. Prestade anteción👂👀: o alumno ou alumna en cuestión terá que gravar cada día ou realizar unha publicación nas redes sociais (Instagram, tiktok...) cun mínimo de 130 caracteres, falando da súa experiencia cotiá de usar a lingua galega en ámbitos onde non a adoita usar ou onde si a usa (famila, amizades, instituto, barrio, aldea...). Cada entrada terá que ir acompañada do cancelo #enredandocogalego.

Se sodes creativos/as podedes facer vídeos literarios, musicais, debuxos, monólogos teatrais, performance... o que vos guste, sempre en lingua galega.🎨🎰🎤🎬🎧🎦🎪🎼

Se non vos apetece utilizar redes sociais, podedes enviar creacións literarias🔖 co mesmo cancelo a este enderezo electrónico: escoladeescritoraseescritores@aelg.org.  O formato pode ser tamén variado, físico por escrito ou dixital en vídeo. Poden ser poemas, reflexións, microrrelatos, creacións audiovisuais, caligramas, etc. Seguro que vos saen cousas fantásticas!🔆👌

Se hai máis interesadas/os, facédenolo saber no Departamento de Lingua e Literatura Galega. Imos ter unha reunión informativa cos organizadores da actividade o vindeiro 7 de abril no Salón de Actos ás 10.10h👈, na que lles explicarán ao alumnado participante máis polo miúdo en que consiste a mesma. Tamén iremos enviando información por correo electrónico a quen forme parte deste proxecto. 

Despois das sorpresas que nos dades con outras cousas que levades feito, xa nos tarda vervos en acción #enredando co galego!!🔝🔝

E lembrade, haberá premios e festa final!🎉


mércores, 10 de marzo de 2021

#MicrorrelatosPorWhatsapp

Co cancelo #MicrorrelatosPorWhatsapp inauguramos outra actividade  realizada entre o alumnado de 4º de ESO e aberta a todos os niveis. A alumna ou alumno ten que redactar un microrrelato🔍📑 no seu teléfono móbil📱 e partillalo, encabezado polo cancelo, co grupo de Whatsapp da súa clase e se o desexa, pode despois colgalo noutras redes sociais que teña.

Que pensariades se vos din simplemente Díxolle que si?, ou que Volveu pasar aínda que ninguén o esperaba. Deberon soltar o ceo...? As microhistorias deixan abertas as portas á imaxinación do lector ou lectora. Ao dinosaurio de Augusto Monterroso estanlle a saír competidores😁

Unha maneira alternativa de gozar de xeito colectivo destes relampos literarios. Nas imaxes tedes algúns exemplos das boas cousas que poden saír do maxín do noso alumnado e do lado bo das redes sociais, que axudan a espallar creatividade!👍👍🌸

Agardamos bastantes máis que tamén expoñeremos no taboeiro do Departamento. Animádevos!



 























xoves, 25 de febreiro de 2021

E SEGUIMOS DE FESTA CON ROSALÍA!

Cantando e bailando ao ritmo de Rosalía de Castro!!🙌🎉🎇 🎆Como se tería divertido véndoos! Velaquí tedes unhas cantas mostras do moito que dá de si a nosa poeta. É o que teñen as grandes, adáptanse a todo!👌 

Grazas, Rosalía (moi acaído o teu nome😄), Laura, Hugo, Charles, Estela, Ainoa,  Adrián, Cristian, Xabier, Antón, Sergio, Alejandro, Marta, Alexia e Gabriel! Todas e todos alumnos de 3º de ESO.  Vese que o pasastes en grande! Ímolo pasar agora nós.





                                            









                                           









mércores, 24 de febreiro de 2021

DÍA DE ROSALÍA #rdc_2021 #TeusDocesCantares

Aínda que Rosalía de Castro merece ser lembrada todo o ano, foi ben que se decidise por escoller o 24 de febreiro, día do seu nacemento en 1837, coma un día para homenaxeala. Dende o IES Leiras Pulpeiro quixémonos unir á festa rosaliá con diferentes actividades realizadas polas nosas alumnas e alumnos.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fixo este ano unha proposta de actividade vinculada á música e á danza. E algo argallamos...

En primeiro lugar, seleccionamos un poema, Amores cativos e fixemos fotografías con persoas, animais, obxectos... que amosasen os sentimentos que suxiren o texto, que son moitos e moi profundos💔💕😒😢😫😔🔥😡💥😞. Puxemos un toque de humor, que boa falta fai nestes tempos🎉😝 Creamos un panel con fotos📷📷- podédelo ver na imaxe- xunto co Manifesto deste ano 2021 de Anna R. Figueiredo. Está exposto na entrada do centro. 

A seguir, aproveitando a boa acollida que está a ter o Dicionario de Galego para Boomers, o alumnado de 1º de BAC A realizou un interesante experimento recreando este poema e adaptándoo ao vocabulario da xeración Zoomer😮. O resultado poderédelo ver entrando no Dicionario en Instagram. Poñémosvos imaxe da entrada cos versos orixinais para que vos veña a intriga 😜

Inda temos máis! Unha alumna e dous alumnos de 4º de ESO C, compuxeron e cantaron un trap a partires da versión Z de Amores cativos. Estupendo traballo o de Jarno, Ainhoa e Samuel que vos amosamos no vídeo de abaixo! 
🎤🎥🎶👏👏👏👏

Tamén o podedes ver no Dicionario para Boomers. 

E non perdades o divertido vídeo de Antía, de 3º ESO D cantando e bailando para pedirlle un home San Antonio bendito😂 Precisabamos de rir, bailar e cantar!

E a ritmo de gaita galega, Noa e María, tamén de 3º D, recitan Miña Santiña, miña santasa.


GRAZAS aos alumnos e alumnas de 1º de ESO C por axudar na montaxe no panel de Rosalía, aos de 1º de BAC A pola súa versión poética, aos de 4ºC e ás rapazas 3º D polos seus vídeos. 






                                            







martes, 2 de febreiro de 2021

E RULA O DICIONARIO PARA BOOMERS!

 

Con máis de 700 seareiros, o Dicionario de Galego para Boomers, está a acadar un enorme éxito máis aló da nosa comunidade educativa. Algúns medios de comunicación e coñecidos persoeiros da nosa cultura, institucións, profesorado e alumnado doutros centros valoraron o estupendo traballo feito polos alumnos e alumnas dalgúns grupos de 1º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato do Leiras Pulpeiro.  

Todos eles seguen a elaborar voces seguindo os parámetros dun dicionario (clase de palabra, definición e exemplo, diferentes significados). Nas imaxes podedes ver os resultados do seu excelente traballo.👌📖

Algún grupo de Bacharelato divertiuse volvendo cantigas de amigo do galego medieval á xerga dos zoomers, con resultados sorprendentes e cómicos😅.

Lembrade, boomers, se queredes entrar no mundo das redes sociais e dos vídeo-xogos da xente nova, visitándenos en Instagram!☝👀







domingo, 24 de xaneiro de 2021

GALEGO PARA BOOMERS!

 

Cantas e cantos de nós non tivemos un crush con alguén?💓E ben seguro que o pasabades en grande shippeando amigos vosos💑. Como? Non entendedes nada...?😶 Sodes boomers, seica...  Iso non pode ser, tédesvos que preparar 24/7 🙇para vos converter en admin🎓 no tema, e non sexades simp, non vale, eh.👈.

Se queredes saber os segredos da fala da nosa rapazada e non ficar así con esta cara😮 cumpriría que consultásedes o noso Galego para boomers, iniciativa da  compañeira Noemí na que moito alumnado de varios niveis vai colaborar encantado.

Trátase dun dicionario virtual de neoloxismos, especialmente os saídos das redes sociais e os vídeo-xogos. O alumno ou alumna ten que dicir a súa categoría gramatical, definir a palabra e por último, pór un exemplo do seu uso. Unha vez feita a tarefa, subirase cunha imaxe á conta de instagram.com/galegoparaboomers

Desta volta deixámosvos unha "chuleta" coas primeiras entradas para que saibades o que significa cada palabra e non cometades fails para a próxima. 

Estamos living con este proxecto!🔝🔝🔝



mércores, 13 de xaneiro de 2021

BLOG DE COCIÑA "MEDIA LARANXA". PARA COMERMOS A LINGUA!

Dende o EDL querémoslle dar a máis entusiasta benvida ao fantástico blog de cociña Media laranxa🍊, creada pola nosa compañeira e integrante do Equipo, Noemí García. Non soamente nos amosa como preparar deliciosas e variadas receitas (tradicionais, importadas, doces, salgadas veganas, festivas...)🍖🍛🍜🍚🍰🍳🍲🍵 senón tamén que fai un gran traballo de normalización e dinamización lingüística.

Para as/os que amamos a cociña, comer e mais a nosa lingua! Pasade e vede! 😋😋😋

https://medialaranxa.fala.gal/

Tamén podedes seguila en Instagram (@media_laranxa).