Amosando publicacións coa etiqueta Audiovisuais. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Audiovisuais. Amosar todas as publicacións

venres, 30 de setembro de 2022

A NOSA LINGUA EN FORMA COAS PILULEIRAS!

 

Non perdades os vídeos feitos polo alumnado de Oratoria de 3º de ESO para promocionar as nosas Piluleiras! Grazas, Marta, Luna, Isabela, Amina, Rubén e Nerea💚💛












sábado, 14 de maio de 2022

FINAL DOS PREMIOS DE VIDEOPOEMAS NA CASA-MUSEO DE MANUEL MARÍA

 
Este sábado tivo lugar na Casa-Museo Manuel María a final da V Edición do Concurso de videopoemas sobre composicións poéticas de Manuel María e Rosalía de Castro. O vídeo do alumno de 4º de ESO, Román Pereira Cuba, foi un dos 10 finalistas dos 80 vídeos presentados. Non resultou gañador mais coidamos que o seu vídeo, baseado no poema "Terra Chá" de Manuel María, é fantástico. Parabéns, Román!!👏👏👏









martes, 22 de febreiro de 2022

#SementadePensamentos #rdc_22 DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2022 (3ª parte)


Derradeira entrega de haikus creados polos alumnos e alumnas de 3º de ESO.  A nosa poeta sentiríase orgullosa das creaccións en forma de haiku que inspiraron versos seus relacionados cos pensamentos. 

O alumnado de 3ºde ESO tamén se ocupou de crear un pensamento con pétalos cheos de poesía que lucimos no corrredor do noso centro.

Parabéns e grazas polos vosos traballos! Son xeniais🙏

 Feliz Día de Rosalía!🌸🌸🌸










domingo, 20 de febreiro de 2022

DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2022 #SementadePensamentos#rdc_22 (2ª parte)


Nova entrega de haikus sobre os pensamentos rosalianos. Sinxelos e fermosos os haikus dos rapaces e rapazas de 2º de ESO. Escoitade que lles inspiraron estes versos.

E ben, ¿para que escribo?

O fondo sin fondo d’o meu pensamento

¿Que pasa ó redor de min?

Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos









DÍA DE ROSALÍA DE CASTRO 2022 #SementadePensamentos#rdc_22 (1ª PARTE)

O Día de Rosalía de Castro é o 23 de febreiro e para conmemorar o aniversario do seu nacemento a AELG propuxo, entre outras actividades, que alumnado crease haikus tomando como punto de partida célebres versos da escritora relacionados co pensamento e a reflexión posto que a flor preferida da poeta era esa, o pensamento: 

1-  D’aqueles que cantan as pombas y as frores

Todos din que teñen alma de muller

2-  E ben, ¿para que escribo?

3-  O fondo sin fondo d’o meu pensamento

4-  ¿Que pasa ó redor de min?

5-  Nada pode conter a marcha dos meus pensamentos

Hoxe mostrámosvos nestes vídeos os primeiros haikus creados polos alumnos e alumnas de 3º de ESO. Gozade dos seus traballos! Tamén os podedes ver en @leirantes.






venres, 4 de febreiro de 2022

OUTRA RONDA DE VÍDEO-POEMAS!

Seguimos a gozar das propostas dos nosos alumnos e alumnas de recrear audivisualmente poemas dos nosos autores e autoras. Desta volta Sergio realiza unha lectura do poema "Anoitecer na terraza" de Xavier Seoane🌇 e Anne agasállanos cunha festiva versión do "Xan" de Rosalía de Castro acompañado pola música da cantante Uxía🥳

Que vos gusten!







 

xoves, 3 de febreiro de 2022

POESÍA AUDIOVISUAL

Velaquí dúas mostras de vídeo-poemas🎥📸 realizados polos nosos alumnos e alumnas de 4º de ESO, inspirados nos versos de coñecidos poetas galegos. Fantástico o vídeo de Román baseado nos versos do poema "Terra Chá" de Manuel María; e fantástico o de Estela, que se inspirou no poema "Soa" de Antía Otero.👌👌👏👏👏

Gozádeos e contádenos que vos parecen, haberá máis, prometido!😀




 
 

 


venres, 14 de maio de 2021

UN IANQUI NA TVG

Imaxe do perfil de Andy na súa conta de Instagram
Acabamos de coñecer a nova de que o noso amigo Andy Chichester, o mestre norteamericano galegofalante vai ser entrevistado na Televisión de Galicia o Día das Letras Galegas no programa Quen anda aí?📺 👏👏

Andy é o convidado perfecto para un día no que festexamos as nosa lingua (debera ser todo o ano) e homenaxeamos a Xela Arias. Cada vez son máis galegos e galegas que coñecen a Andy a través da súa canle de youtube Mira quen fala galego ou a súa conta de Instragram Chibarinclub e admiran o seu compromiso e amor cara ao galego. Todo un exemplo a seguir.

Estaremos pendentes de velo e de escoitalo👀👂. 

Parabéns, Andy, mándanos un saúdo aos teus amigos e amigas do Leiras Pulpeiro!!💙🙌🙌

 

martes, 4 de maio de 2021

O NOSO ALUMNADO ENREDA CO GALEGO!

Falo en galego co chofer do autobús.🚌
Queda só esta semana🙈 para que remate o reto de 42 das nosas alumnas e alumnos de amosar nas súas redes sociais durante 21 días como é o seu día a día falando en galego en ámbitos nos que non adoitaban facelo😮😮. Damos fe de que están a facer un moi bo traballo. Todos eles crearon contas a propósito para participaren no proxecto #enredandocogalego e practicamente cada día colgan un vídeo ou unha imaxe con reflexións moi interesantes sobre as súas experiencias, desde relatar o que supón dirixirse por vez primeira ao condutor do autobús🚍 en galego co que falabas decote en castelán, ou contar a grata impresión😀 que produce que un camareiro ao que lle pedides en galego unha bebida vos responda en galego cando vos atendeu ao principio en castelán, ou ao revés 😕🍹; encherse de ledicia cando decides falarlle ao médico en galego e... non pasa nada, porque che responde en galego igual cás enfermeiras😄

Estas anécdotas, en apariencia banais, son reflexións sociolingüísticas moi interesantes e un paso importante para desbotar prexuízos sobre o uso do galego. O noso idioma, xa o demostramos co Dicionario para Boomers, adáptase a todos os ámbitos, contextos, idades... Tampouco non faltan recensións literarias, comentarios sobre cociña, deporte, música, a propia lingua, etc. 

A plataforma máis utilizada é Instagram, seguida de Tiktok (Jarno, en Jarnoengalego estanos a narrar durante unha viaxe para participar nun torneo, como é falar galego por primeira vez cos seus compañeiros)🙌🏆), Facebook ou ben, a través do correo electrónico.

Sinceros parabéns, a todas e todos, polo valioso traballo que estades a facer e que está a piques de rematar! Xa nos tarda que nos contedes ás conclusións ás que chegastes ao final do proxecto!👏👏👏👏💕

Interesante comentario de Cris e Suso sobre algúns camareiros....

Iván fálanos da impresión que lle causou a lectura de Follas novas📗

A conta de Cristina de 1º de Bac, para o proxecto!😍

Judit, Nerea e Patricia, na súa conta conxunta👍👍👍

Eva explícanos como se coce o pan.😋



domingo, 25 de abril de 2021

XELA ARIAS NA RADIO LEIRAS

 A principal protagonista das nosas letras neste ano 2021, foi tema de tertulia e de entrevistas na Radio Leiras. A escusa foi un Concurso de podcast sobre Xela Arias organizado por Bibliotecas Escolares. Podíanse gravar até un máximo de tres e así fixemos. Os resultados foron espectaculares e aquí pasamos a agradecer o fantástico labor de todas e todos os integrantes da nosa comunidade educativa que nos "emprestaron" as súas voces. 👏👏👏👏📻🎤🎧

En primeiro lugar damos as grazas a Xabi Díaz por facer o traballo de editar e gravar os podcast🔧📟📡 para que quedasen como quedaron de ben. Grazas tamén a María Cabo por facilitar a sintonía musical🎶. E grazas aos compañeiros e compañeiras Ana Dopazo, Suso Coucheiro e Bea Iglesias por participaren no recitado dos poemas de Xela😀📖. As alumnas e alumnos Lucía Samuel (4º de ESO ), Xavi, Area, José Luis Martín (2º de ESO) Cinthia, Pablo, Iria e Maitane (1º de ESO) fixeron un excelente traballo como entrevistadores, recitadores e informadores💬📜📞📢 que foi posible grazas á coordinación de Rosa, Esperanza e Noemí💟.

Podedes escoitar o contido dos podcast premendo en Podcast 1Podcast 2 e Podcast 3.

E así foivos todo. Que haxa sorte no Concurso🍀🍀 e se non gañamos nada, fica o gusto de participarmos nun programa na Radio Leiras.

 Mentres, vaivos un vídeo que resume a semana de gravación. Que vos preste!




luns, 19 de abril de 2021

CONCURSO LITERARIO LETRAS GALEGAS 2021

O ano pasado o confinamento impediunos organizalo. Este ano non o imos permitir e convocamos o Concurso Literario Letras Galegas 2021 en tres modalidades: poesía, relato curto e vídeo-poemas. Os cartaces xa andan desde hai días polas aulas do centro e pola aula virtual, así a todo queremos precisar unha miguiña máis as bases:

  • Poderase participar nos tres concursos á vez
  • O tema proposto para o relato curto e o poema é "Viaxo ao futuro"
  • A extensión máxima do relato serán 2 folios por unha soa cara.
  • A extensión máxima do poema será até 24 versos.
  • O vídeo terá que ser unha versión dun poema de Xela Arias
  • Os traballos enviaranse ao correo eunfalar@gmail.com antes do 7 de maio.
  • No asunto do correo terase que precisar a modalidade pola que se concursa.
  • No corpo do correo o/a participante deberá indicar nome, apelidos, curso e grupo.
  • O relato ou poema enviarase en arquivo.
  • O vídeo enviarase nun formato que non pese demasiado. Animádevos! Moita sorte e longa vida ás Letras Galegas!💙📘



mércores, 14 de abril de 2021

DÁ COMEZO O PROXECTO #ENREDANDOCOGALEGO!

Os organizadores e organizadoras do proxecto xunto coas profesoras 
do alumnado participante.
 Este proxecto, organizado pola AELG e as Consellerías de Educación e Cultura, vai contar con 42 alumnas e alumnos do noso centro que van pasar a partir do vindeiro luns, 19 de abril,  21 días explicando diariamente nas redes sociais co cancelo #enredandocogalego, as súas experiencias de como é falar galego durante tres semanas en diferentes ámbitos da súa vida cotiá (familia, aula, instituto, amizades, barrio, actividades de lecer...)👪👫🎒🎼🏃🏀🚴 
Hai total liberdade creativa, poden realizar vídeos, poemas, danza, cancións, debuxos, reflexións, microrrelatos🎶🎥🎦🎧🎭🎨💃...  todo en lingua galega. Unha experiencia incrible... 
Agardamos ansiosas a que pasen esas tres semanas e saber como lles foi e aos/ás participantes agárdalles unha festa final con agasallos polo seu traballo.🎉🎉

Quen anda tras deste proxecto? Pois ben, o escritor e investigador da mitoloxía popular galega Antonio Reigosa, as poetas e artistas María Lado e Lucía Aldao, o actor Anxo Lamelo e o narrador oral Lois Pérez . Nin máis nin menos!🔝🔝🔝  
Todos eles fixeron unha presentación xenial do proxecto con actuacións incluídas👌 Pillounos de sorpresa e botamos unhas risadas.  Así calquera se anima a falar galego e a participar no proxecto1
 
Oxalá queden eles contentos co noso alumnado, algo nos di que así vai ser e que van facer un traballo estupendo👍👍       
          
Anxo en pleno éxtase

Lois co seu móbil última xeración

    
O xenial dúo María e Lucía.

Na vida vimos unha presentación así!


domingo, 11 de abril de 2021

Presentación do "DICIONARIO DE GALEGO PARA BOOMERS" na CASA DA XUVENTUDE

A alcaldesa de Lugo e outras autoridades deixaron por un día de ser boomers e aprenderon que eran as siglas RAG (Rir Ás Gargalladas)😂 ou que significaban palabras coma random, shipear, pana... 
O pasado venres 9 de abril, un grupiño de cinco alumnas e alumnos de 1º de ESO, que forman parte do equipo creador do Dicionario de galego para boomers, encargáronse de explicar ao público asistente nos actos do X ANIVERSARIO da Casa da Xuventude de Lugo, por que decidiron crear xunto coa profesora Noemí este dicionario virtual que está acadando unha grande difusión e acollida nas redes sociais e nos medios de comunicación.

Os nosos presentadores fixérono estupendamente e ao rematar a exposición proxectaron o vídeo feito por dous rapaces e unha rapaza de 4º de ESO dun poema de Rosalía de Castro, recreado en versión zoomer polo alumnado de 1ºBAC A, que xa vos presentaramos no Día de Rosalía.

A tormenta tan forte que houbo🌂⛆⛈ non impediu que o pasásemos en grande. Para relaxar os lóxicos nervios antes da presentación,  rebolamos nun baile coreografado pola escola de danza Gravity que anda xa rulando por tiktok!💃🙌🙆🙅

Aproveitamos de paso para vos amosar a reportaxe sobre o Dicionario, feito polo Servizo de Audiovisuais da Deputación de Lugo.


Mozos e mozas, parabéns, estivestes sensacionais!👏👏




Nun momento do vídeo do poema de Rosalía.


Rebolando






Intercambiando impresións coa Alcaldesa de Lugo







martes, 6 de abril de 2021

SALA DE FUGA SOBRE XELA ARIAS

Non vos prestaría coñecer mellor á poeta á que se lle dedican as Letras Galegas este ano tratando de saír dese cuarto onde se agochan adiviñas e segredos sobre ela?🔑🔓❓❕ Adiante! Remexede sen medo no escritorio de Xela Arias, nos seus papeis, notas, arquivos, fotografías, apuntamentos, libros🔍👀📖👂📋💻📜📝📷 e acabaredes descubrindo retallos moi interesantes da (curta) vida de Xela, autora dunha poesía moi persoal que non vos deixará indiferentes.

martes, 16 de marzo de 2021

#EnRedandocogalego, 21 DÍAS CONVIVINDO COA NOSA LINGUA

Con esta actividade organizada polas Consellerías de Cultura e de Educación, xunto coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, un grupo de alumnas e alumnos do noso centro vai comezar un interesantísimo reto lingüístico, creativo e lúdico que durará tres semanas.

En que consiste? Contámosvos. Prestade anteción👂👀: o alumno ou alumna en cuestión terá que gravar cada día ou realizar unha publicación nas redes sociais (Instagram, tiktok...) cun mínimo de 130 caracteres, falando da súa experiencia cotiá de usar a lingua galega en ámbitos onde non a adoita usar ou onde si a usa (famila, amizades, instituto, barrio, aldea...). Cada entrada terá que ir acompañada do cancelo #enredandocogalego.

Se sodes creativos/as podedes facer vídeos literarios, musicais, debuxos, monólogos teatrais, performance... o que vos guste, sempre en lingua galega.🎨🎰🎤🎬🎧🎦🎪🎼

Se non vos apetece utilizar redes sociais, podedes enviar creacións literarias🔖 co mesmo cancelo a este enderezo electrónico: escoladeescritoraseescritores@aelg.org.  O formato pode ser tamén variado, físico por escrito ou dixital en vídeo. Poden ser poemas, reflexións, microrrelatos, creacións audiovisuais, caligramas, etc. Seguro que vos saen cousas fantásticas!🔆👌

Se hai máis interesadas/os, facédenolo saber no Departamento de Lingua e Literatura Galega. Imos ter unha reunión informativa cos organizadores da actividade o vindeiro 7 de abril no Salón de Actos ás 10.10h👈, na que lles explicarán ao alumnado participante máis polo miúdo en que consiste a mesma. Tamén iremos enviando información por correo electrónico a quen forme parte deste proxecto. 

Despois das sorpresas que nos dades con outras cousas que levades feito, xa nos tarda vervos en acción #enredando co galego!!🔝🔝

E lembrade, haberá premios e festa final!🎉


xoves, 25 de febreiro de 2021

E SEGUIMOS DE FESTA CON ROSALÍA!

Cantando e bailando ao ritmo de Rosalía de Castro!!🙌🎉🎇 🎆Como se tería divertido véndoos! Velaquí tedes unhas cantas mostras do moito que dá de si a nosa poeta. É o que teñen as grandes, adáptanse a todo!👌 

Grazas, Rosalía (moi acaído o teu nome😄), Laura, Hugo, CharlesEstela, Ainoa AdriánCristianXabierAntón, Sergio, Alejandro, Marta, Alexia e Gabriel! Todas e todos alumnos de 3º de ESO.  Vese que o pasastes en grande! Ímolo pasar agora nós.





                                            









                                           









mércores, 24 de febreiro de 2021

DÍA DE ROSALÍA #rdc_2021 #TeusDocesCantares

Aínda que Rosalía de Castro merece ser lembrada todo o ano, foi ben que se decidise por escoller o 24 de febreiro, día do seu nacemento en 1837, coma un día para homenaxeala. Dende o IES Leiras Pulpeiro quixémonos unir á festa rosaliá con diferentes actividades realizadas polas nosas alumnas e alumnos.

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega fixo este ano unha proposta de actividade vinculada á música e á danza. E algo argallamos...

En primeiro lugar, seleccionamos un poema, Amores cativos e fixemos fotografías con persoas, animais, obxectos... que amosasen os sentimentos que suxiren o texto, que son moitos e moi profundos💔💕😒😢😫😔🔥😡💥😞. Puxemos un toque de humor, que boa falta fai nestes tempos🎉😝 Creamos un panel con fotos📷📷- podédelo ver na imaxe- xunto co Manifesto deste ano 2021 de Anna R. Figueiredo. Está exposto na entrada do centro. 

A seguir, aproveitando a boa acollida que está a ter o Dicionario de Galego para Boomers, o alumnado de 1º de BAC A realizou un interesante experimento recreando este poema e adaptándoo ao vocabulario da xeración Zoomer😮. O resultado poderédelo ver entrando no Dicionario en Instagram. Poñémosvos imaxe da entrada cos versos orixinais para que vos veña a intriga 😜

Inda temos máis! Unha alumna e dous alumnos de 4º de ESO C, compuxeron e cantaron un trap a partires da versión Z de Amores cativos. Estupendo traballo o de Jarno, Ainhoa e Samuel que vos amosamos no vídeo de abaixo! 
🎤🎥🎶👏👏👏👏

Tamén o podedes ver no Dicionario para Boomers. 

E non perdades o divertido vídeo de Antía, de 3º ESO D cantando e bailando para pedirlle un home San Antonio bendito😂 Precisabamos de rir, bailar e cantar!

E a ritmo de gaita galega, Noa e María, tamén de 3º D, recitan Miña Santiña, miña santasa.


GRAZAS aos alumnos e alumnas de 1º de ESO C por axudar na montaxe no panel de Rosalía, aos de 1º de BAC A pola súa versión poética, aos de 4ºC e ás rapazas 3º D polos seus vídeos. 






                                            







domingo, 7 de febreiro de 2021

MÁIS SOBRE A XERACIÓN NÓS

Co gallo do 100 aniversario da creación da revista Nós, son varias as actividades organizadas arredor desta xeración de intelectuais e galeguistas cuxo labor segue a ser a día de hoxe unha referencia na dinamización e normalización do noso idioma. 

Nesta nova actividade, que tivo lugar o pasado xoves 4 de febreiro no Salón de Actos, a profesora, sociolingüista e escritora Pilar García Negro, impartiu para o alumnado de 4º de ESO A e B  unha conferencia virtual na que falou sobre o papel tan importante que desempeñaron os persoeiros integrantes de Nós para a lingua e a cultura galegas.






martes, 2 de febreiro de 2021

E RULA O DICIONARIO PARA BOOMERS!

 

Con máis de 700 seareiros, o Dicionario de Galego para Boomers, está a acadar un enorme éxito máis aló da nosa comunidade educativa. Algúns medios de comunicación e coñecidos persoeiros da nosa cultura, institucións, profesorado e alumnado doutros centros valoraron o estupendo traballo feito polos alumnos e alumnas dalgúns grupos de 1º, 4º de ESO e 1º de Bacharelato do Leiras Pulpeiro.  

Todos eles seguen a elaborar voces seguindo os parámetros dun dicionario (clase de palabra, definición e exemplo, diferentes significados). Nas imaxes podedes ver os resultados do seu excelente traballo.👌📖

Algún grupo de Bacharelato divertiuse volvendo cantigas de amigo do galego medieval á xerga dos zoomers, con resultados sorprendentes e cómicos😅.

Lembrade, boomers, se queredes entrar no mundo das redes sociais e dos vídeo-xogos da xente nova, visitándenos en Instagram!☝👀







martes, 22 de decembro de 2020

UNHA BANDA SONORA PARA O LEIRAS

Para despedírmonos por este ano e vos desexar unhas Boas Festas de Nadal presentámosvos o estupendo traballo realizado pola compañeira Noemí co alumnado de ESO de 1º B e 1º C

Chámase A banda sonora do Leiras e é un proxecto colaborativo que ten como produto final unha lista de reprodución en Spotify que leva o mesmo nome. O alumnado foi recollendo ao longo do trimestre música actual en galego de distintos xéneros e grupos coa finalidade de coñecer a nosa cultura musical e artística 🎶🎵👈 

Esta lista de reprodución está en aberto, polo que calquera alumno ou alumna  doutros cursos pode engadir as cancións que máis lle guste e así poñerlle banda sonora ao instituto.  🎶💃💃

Premede en Banda Sonora Leiras para escoitalas. 

Excelente iniciativa! 👏👏👏 Que vos preste escoitar e descubir a nosa música!

E Bo Nadal a todas e todos! Pasádeo moi ben, sempre con sentidiño, que hai que voltar en boa forma!🎉🎄💝🙋