mércores, 21 de novembro de 2018

Polo mes de San Martiño...


Son verde e non son limón,
son moura e non son carbón,
son vermella e non son sangue,
son branca e non son papel,
a ver se sabes que é.




Mentres crebades a cabeza con esta adiviña, vaivos este conto:

Un día, xa hai anos, ían de camiño unha brasa de carbón, unha palla e unha castaña. Chegaron á beira dun río e non sabían como atravesalo. A castaña, que era moi lista, propuxo o seguinte: "como a palla pode flotar na auga eu vou montar enriba dela e nadando, hame de levar á outra beira e despois volverá para levarte a ti", dixo falando cara á brasa.
Como a idea lles pareceu ben ás dúas, así se fixo. Primeiro, a palla levou a castaña e despois volveu pola brasa. Pero cando estaban no medio do río, a palla sentiu que se estaba queimando coa calor da brasa e fixo un movemento brusco, e dunha sacudida, boutouna sen querer á auga.
Cando a castaña viu isto, morría coa risa, ría con tanta forza de ver a brasa mollada, que rebentou. A palla quedou na beira do río toda chamuscada. A brasa chegou tan molladiña que se apagou.
As dúas estaban incomodadas coa castaña porque se estaba a rir delas pero cando viron que a risa lle rebentara a tona, sentiron pena dela e foron buscar un xastre para que a remendase e lle recosese o buraco.
O xastre só tiña un anaco de tea máis que o da tona da castaña e tivo que remendala poñéndolle esa tea. Por iso agora todas as castañas andan cun pedaciño de tona un chisco máis claro.

Ningún comentario:

Publicar un comentario