sábado, 21 de marzo de 2020

#MiñaCasiñaMeuLar DÍA MUNDIAL DA POESÍA

http://www.belenmartinfranco.com/minacasinameulararteparacorentena
Miña casiña, meu lar,//¡cantas onciñas//de ouro me vals!  Así comeza e remata un dos poemas máis coñecidos de Rosalía de Castro, que convertemos no noso cancelo particular para traballar mellor nestes días de encerro😷. Non poder saír non é escusa para non festexar o DÍA MUNDIAL DA POESÍA. A poesía axúdanos a todo: a sorrir, a desafogar, a cantar, a bailar, a soñar, a emocionarse, a vivir, a amigarse, a reflexionar, a amar, a rir, a brincar, a voar... Ten eses poderes terapéuticos.
Nós propoñémosvos dende acó a vos unir á iniciativa da Rede Museística Provincial de Lugo  que vos anima a achegar os poemas que máis vos gusten a través das páxinas de facebook dos Museos co cancelo #DiaMundialdaPoesiaRMP 

Ás 18.00h teremos unha cita en https://zoom.us/j/2641785 07  para recitármolos todos xuntos.

Que non decaian eses ánimos! 🌈🌞🌻

 Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pé e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar,
i anque ganas tiña delas,
non tiña nin para as pagar.
Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar,
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.
A vista se me varría,
que era aquel moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían,
que me fora a avergonzar.
Volvinme á miña casiña
alumada do luar;
rexistrei cada burato
para ver de algo atopar;
atopei fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa.
Púxenme a Dios alabar.
Quixen alcende-lo lume,
non tiña pau que queimar;
funllo pedir a unha vella,
tampouco mo quixo dar,
si non era un toxo verde
para me facer rabiar.
Volvín triste como a noite
a chorar que te chorar;
collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar;
rexistrei polo cortello
mestres me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios dar.
¡Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arrimei o pote ó lume
con auga para quentar.
Mentras escaravellaba
na cinza, vin relumbrar
un ichavo da fertuna…
¡Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
e fun en sal a empregar,
máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta pechar,
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar,
e ca fariñiña munda,
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar;
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar;
despois que o tiven comido,
volvín de novo a rezar;
e despois que houben rezado,
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba,
púxenme logo a cantar
        para que me oíran
        en todo o lugar:
      Meu lar, meu fogar;
           ¡cantas onciñas
           de ouro me vals!
Rosalía de Castro, Follas Novas.

1 comentario:

  1. A poesía "alivio das penas". Unha boa idea ler, reler e escoitar poemas

    ResponderEliminar