sábado, 14 de marzo de 2020

#MiñaCasiñaMeuLar CORONAVIRUS CON -N- OU COROAVIRUS?

 Imaxe tirada de freepik.es
Tristemente estamos oíndo falar moito deste virus que nos ten a todos e todas en estado de alerta. Imos aproveitar para coñecer algunha cousa máis sobre a palabra que usamos en galego para definir o Coronavirus ou COVID-19
En galego chamamos coroa á peza ornamental para pór na testa, polo tanto, téndese a pensar que en galego este virus ten que se chamar *coroavirus. Non é correcto, tal como explica o PORTAL DAS  PALABRAS, en galego temos palabras patrimoniais, cultas e semicultas e precisamente para a terminoloxía de orixe científica, úsanse os cultismos, isto é, palabras máis achegadas ao étimo latino ou grego. Xa que logo, a variante culta de coroa sería corona (< lat. CORONA), por ese motivo a forma correcta para designar o virus é CORONAVIRUS.
Para nos protexer do coronavirus temos que estar en CORENTENA que facía referencia aos corenta días que había que estar illado/a en Venecia no tempo da Peste Negra (premede na palabra para saber máis sobre a súa orixe).
Lembrade, moito SENTIDIÑO (palabra do ano 2019), quedar na casa e seguir os consellos dos especialistas para frear o virus. Dános que coronavirus vai ser a Palabra do Ano 2020😷

3 comentarios:

  1. porque e escrito asi e eso non se pode cambiar e como la coruña non se dice a coruña

    ResponderEliminar
  2. "La" é castelán. Le ben o texto de arriba e o tema das palabras cultas, semicultas e patrimoniais e comprenderalo.

    ResponderEliminar