martes, 29 de outubro de 2019

ASUNTOS DE DEFUNTOS...

Achégase novembro e dende o EDL querémosvos recomendar algunhas lecturas en galego sobre os defuntos e aparecidos para que o pasedes "de medo" nese mes😱🙀

Dos nosos autores máis coñecidos para a xente nova, Agustín Fernández Paz ten algúns títulos arrepiantes dos que seleccionamos dous: As fronteiras do medo ou Cartas de inverno. O tamén recordado Xabier P. Docampo axudaravos a vos poñer a pel de🐓 co seu Cando petan na porta pola noite

Outro autor galego que escribiu moitas historias sobre aparecidos foi o lugués Ánxel Fole, cos seus libros de relatos, Á lus do candil, Contos da néboa e Historias que ninguén cre. Cando os les tes a sensación de que chos están a contar ao pé da lareira, ao estilo dos contos de medo tradicionais. Se sodes suxestionables ou vos asusta cada ruidiño que escoitedes pola noite, son perfectos!😮😯😲😨😰

Tamén temos historias de defuntos en clave de humor, Álvaro Cunqueiro, nas súas Crónicas do Sochantre narra a viaxe do protagonista en dilixencia por toda a Bretaña acompañado duns peculiares defuntos.💀💀

Se vos gustan os contos da nosa terra, botade un ollo á páxina de Galicia Encantada, na que atoparedes unha chea de lendas e contos orais de fantasmas.👻👻

Para as lectoras e lectores máis noviños, tedes unha encantadora defuntiña, Escarlatina, a cociñeira defunta, coa que o pasaredes en grande.

E non esquezades que temos tamén na biblioteca do centro traducións ao galego de autores clásicos da literatura de terror coma Allan Poe, Bram Stoker,  Maupassant ou Mary Shelley, etc.

Desexámosvos unha boa ponte chea de arrepíos literarios👾👹👺 Premede en cada título para saber máis sobre a obra.







Ningún comentario:

Publicar un comentario