xoves, 16 de abril de 2020

#MiñaCasiñaMeuLar #QUEDANACASA

www.belenmartinfranco.com
Casa é outra palabra que estamos a escoitar moito nesta etapa das nosas vidas . A casa está a ser o lugar que simboliza a loita contra o COVID-19.  Por moito que ansiemos saír dela porque temos que estar confinados, a casa converteuse na fortaleza🏰 que nos protexe e gorece contra o mal externo. A casa é a nosa alma, é un reflexo da nosa vida e dos nosos costumes. Agora estamos a facer nela cousas que antes faciamos fóra, como por exemplo, ir a clase. Que representa para vós a imaxe da esquerda? É o que chamamos unha metáfora visual, que se utilizan moito na publicidade.

Como xa vimos facendo ultimamente, queremos mandarvos un saúdo con outro poema, desta volta relacionado coa casa. Ademais de Rosalía coa súa "Miña casiña, meu lar", Manuel María tamén homenaxea a súa casa, a fermosa Casa de Hortas en Outeiro de Rei . Esperamos que vos guste. Lembrade, convertede a vosa casa no voso castelo 🏡🏠🏤

A casa e o seu contorno amurallado,
erguidos con paciencia e sentidiño,
eran un muro antergo e pequeniño
e un feliz universo desexado...

A casa e o seu contorno ben cercado,
no que a vida corría de mansiño,
tiña a quentura tépeda dun niño
e as ríxidas fronteiras dun estado.

A casa: matria, patria, fundamento
do desacougante drama de existir,
alegre ás veces, outra tristurento.

A casa era pra nacer e pra vivir.
e deixarlle en herdo o último alento
cando, á forza, teñamos que partir.


Ningún comentario:

Publicar un comentario