Páxinas

luns, 14 de xaneiro de 2019

COMO FACER QUE O GALEGO DURE MIL PRIMAVERAS MÁIS?

 Imaxe extraída de  Prolingua
É un dos discursos máis fermosos escritos na defensa da nosa lingua. O autor foi Álvaro Cunqueiro con motivo dunha homenaxe que lle fixeron en Vigo no ano 1980, que conclúe así: ... podería dicir a miña lápida: eiquí xaz alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis.

Parafraseando o seu epitafio, uns cantos alumnos e alumnas de 1º de ESO expresaron o seu desexo de que o galego durase mil primaveras máis e expóñennos os motivos nestes fermosos fragmentos dos seus traballos.

Tomade o voso tempo para lelos e gozalos.

Hoxe quero falarvos de como podo facer que o galego dure mil primaveras máis, un pobo  fermoso como é esta terra, rica en paisaxes, gastronomía e, como non, no idioma, unha lingua que me gustaría que se falase de norte a sur e de leste a oeste. Onte fun a un centro comercial e o primeiro que atopo é un BIENVENIDOS en letras grandes e luminosas, e por baixo "benvidos" en letras moi pequenas. Tería que ser ao revés. (...) Eu nacín en Galicia, son fillo e neto de galegos e o que si podo facer se algún día teño fillos, é que se sintan orgullosos desta terra e do seu idioma, que é un legado que debemos deixar a todas as xeracións e que nunca se avergoñen de falar o galego (...) ondequera que vaiamos fainos únicos e iso é a marca dun pobo (...)  (Sergio Andión Insua)


Para que o galego perdure mil primaveras máis hai que falalo, falalo con amigos, falalo cos pais, coa familia, na clase... sempre, falalo sempre.  (Anne Ziyann Saavedra Otero)

(...) Para min o galego está no pensamento, está no asubiar das árbores ao petar o vento contra elas, nos soños, nas ilusións, nos sorrisos... (Sabela Campo Moncada)

(...)  Mentres a miña memoria funcione, acordareime das historias que me contaba a miña avoa en galego cando era pequeniña (...) Fala o galego, expresa o que es e serás, ninguén reempraza a túa forma única de expresar os teus pensamentos e sentimentos..."  (Andrea Lamas Darriba)

(...) na escola, en lugar de que os profesores nos manden falar en galego, que saia de nós, que sintamos que falamos na lingua da nosa terra, que falamos así porque así somos e non temos porque nos agochar. A lingua na que vivimos forma parte do que somos e do que queremos ser, é o elo que enlaza o pasado co futuro. É máis doado ser un mesmo na lingua propia (...) esta lingua é un doce caramelo que queremos que perdure na nosa boca, porque o galego é poesía. Defendérono Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Álvaro Cunqueiro... Tamén os nosos avós e bisavós, falándoo, tamén ti, eu, os nosos fillos, netos, bisnetos, porque somos galegos e entre todos faremos que o galego dure mil primaveras máis.  (Rosalía Bernárdez Riopedre)

(...) O galego é unha arte, a arte de poder falar e dicir o que pensamos e sentimos (...) Por que en todos as tendas poñen todo en inglés? Por que non en galego? Iso é un erro, porque isto é Galiza (...) Coñezo xente que está estudando galego e dime "encántanme as súas expresións, as súas palabras tan fermosas" Por iso o galego debería durar mil primaveras máis. (Paula Monteagudo Fernández)

(...) Direi palabras fermosas coma "bolboreta" ou "castelo", cantarei o noso himno, o himno das terras de Breogán, lerei libros de aventuras e de poesía en galego, con tal de que dure mil primaveras máis. (...)  (Gabriel Campo Morandeira)

Temos que nos poñer as pilas, porque o merece, porque é parte de nós, parte da nosa historia... o galego  (...) Tamén a nós, que nos gustan tanto as tecnoloxías, temos que tentar de transmitilo a través das redes e que no mundo enteiro saiban que o idioma no que nos expresamos é o galego (...) Se cada un de nós nos esforzamos con estes pequenos xestos lograremos que o noso galego dure mil primaveras máis e o seu son perdure no aire da nosa terra.   Enrique Martínez González.




Ningún comentario:

Publicar un comentario